MERITOSO QUINTO POSTO PARA GALICIA




Galicia participa ata finais deste mes de agosto, nos Campionatos de España Sub 21 e Sub 19 que se están a celebrar nas instalacións do Centro de Volei Praia de Lorca.

Deu comezo coa categoría Sub 19 feminina (do 14 ao 16 de agosto) e continúa coa Sub 21 (do 17 ao 19). Posteriormente será a quenda dos rapaces, coa Sub 19 masculina do 20 ao 22 para rematar coa Sub 21, do 23 ao 25 de agosto.

As xogadoras do Club Ourense Volei Praia, Gladys Giráldez e Patricia González fixeron un gran campionato, acadando un quinto posto que soubo a pouco xa que estiveron a nada de gañarlle a Andalucía e pasar a semifinais.


Gladys e Patricia fixeron unha fase de grupos espectacular, pechando unha intensa xornada inaugural con pleno de tres vitorias: ante Andalucía (2-0: 21-17/21-14) pola mañá, ante Castela A Mancha pola tarde (2-0) e fronte Canarias pasadas as 22 horas, con gran esforzo físico (2-1: 21-12/8-21/15-8).
A pesar do cansazo acumulado, Patri e Gladys cumpriron á mañá seguinte protagonizando un dos seus mellores partidos ante Cantabria. Tras dous sets repartidos (21-14 e 15-21) as galegas gañaron un pulso especialmente igualado no tie break e pola mínima, 16 a 14, obtendo o pase a cuartos de final.
Nas eliminatorias, Galicia topou cun rival duro, o campión andaluz, pero as nosas non se amilanaron e comezaron arriba, levando o primeiro set 21-16. No segundo as andaluzas dobraron esforzos para impedir, no último momento que as nosas acabaran a contenda, e empataron o partido 19 a 21 deixando a decisión á morte súbita. No tie break Patri e Gladys non tiveron sorte e caeron pelexando ata o último punto no 14-16, amosando que nunca se rinden e que teñen moito futuro na area.
Desta forma Galicia finalizaba o Campionato de España Sub 19 feminino cunha moi meritoria quinta praza.

 ¡ESTAMOS MOI ORGULLOSOS DAS NOSAS XOGADORAS!

FOTOS: https://www.dropbox.com/sh/uk78h80yv65zlg5/AABHOcfgka-VkQsbcFbKgHgda?dl=0

Publicacións populares deste blog

CIRCUITO BARBANZA VOLEY PLAYA

Salvador Pastor nuevo jugador del COVP