CAMPIONATO DE ESPAÑA CADETE DE VOLEI PRAIA EN DUMBRÍA


A praia de O Ézaro será unha vez máis epicentro do volei praia nacional, acollendo dende venres 21 ata o domingo 23de xullo, o Campionato de España de Volei Praia cadete tanto masculino como feminino.
Tras o éxito acadado en pasadas edicións, Dumbría albergará por quinto ano consecutivo un nacional de volei praia, levando ao seu areal a emoción da competición máis prestixiosa e emocionante da tempada estival para os clubes de volei praia españois.

Á cita acuden os corenta catro mellores equipos do panorama nacional (24 femininos e 20 masculinos), clasificados nas competicións das súas respectivas autonomías e dispostos agora a pelexar polo título que actualmente ostentan os boirenses do Barraña VP no apartado masculino e o VP San José de Cantabria no feminino.

O torneo, organizado polas Federacións Española e Galega de Voleibol coa colaboración do Concello de Dumbría arrincará o venres pola mañá, logo de recibir aos participantes na reunión técnica, e rematará o vindeiro domingo coas grandes finais nacionais e a entrega de premios.
Os galegos, entre os favoritos.
Entre os participantes haberá unha ampla representación galega, especialmente no apartado masculino con catro clubes presentes na cita. Competirán neste apartado o Calasancias VP, Club Vigo Voleibol, Voleiboleiros Sada e Dumbría Volei (organizador).
Pola outra banda serán tres os conxuntos da terra que asistirán ao torneo feminino, atendendo, igual que no apartado masculino á clasificación no Circuito Galego de Volei Praia disputado até o momento: o VP Riazor como organizador, o Ourense Volei Praia e o Voleiboleiros Sada.

Aínda que terán que pelexar coas parellas “tradicionalmente fortes”, procedentes de autonomías que sempre soan nas apostas como Andalucía, Valencia ou Cataluña, os galegos acoden a Dumbría como grandes favoritos con dobre vantaxe. Por un lado o maior coñecemento da pista por parte dos nosos, e a sobrada demostración de talento que fixeron en pasadas edicións con dous títulos consecutivos que quedaron en Galicia, acadados por Dumbría Volei e Barraña VP. E polo outro, a seguridade de contar cun Circuito Galego, cada vez máis amplo, que lles dá a rodaxe suficiente para competir ao máis alto nivel e ser firmes candidatos ao podio nacional.

Como xa dixemos, Ourense estará no campionato, e serán Andrea Valeria Jiménez, Cristina Freire, Xiana Cid, Alicia Viso, Nerea Puga e Alejandra Diaz as encargadas de representar á nosa cidade, moita sorte!

Publicacións populares deste blog

CIRCUITO BARBANZA VOLEY PLAYA

Salvador Pastor nuevo jugador del COVP