CESA SUB-21 NAS PALMAS DE GRAN CANARIA



As Seleccións Galegas de Volei Praia adestraron dende o luns 17 de xullo en Dumbría para preparar a súa participación no Campionato de España de Seleccións Autonómicas para a categoría Sub 21, que se celebrará en Las Palmas de Gran Canaria dende o venres 21 ao domingo 23 de xullo.

Galicia participa un ano máis nos Campionatos de España de Volei Praia por Seleccións Autonómicas na categoría Sub 21, que na súa edición 2017 se celebrarán en Las Palmas nos vindeiros días, entre o 21 e o 23 de xullo.
A expedición galega parte hoxe, xoves, rumbo ás illas, onde serán dous os combinados autonómicos que pelexarán entre os mellores conxuntos da canteira nacional polo tan ansiado título.

Á fronte da delegación acude unha vez máis á cita nacional o seleccionador galego Eloy Mahía, que dirixirá no apartado masculino a actuación de Marco Lado e David Redonda e no feminino a de Patricia González e Gladys Giráldez.

O nacional por seleccións é un dos torneos máis esixentes da tempada de praia, pero pese a evidente dificultade, a progresión dos galegos na area aumenta as expectativas dos nosos de cara á clasificación final.

Patricia e Gladys son dúas xogadoras experimentadas, que xa representaron a Galicia na pasada edición do nacional, e que nesta tempada foron campionas do segundo trofeo do Circuito Galego de Volei Praia celebrado o mes pasado en Ourense. O seu obxectivo é o de mellorar a décimo terceira praza acadada o pasado ano.
Pola outra banda o combinado masculino renóvase, con grandes promesas da disciplina como son Marco Lado e David Redonda que farán todo o posible para estar á altura desa meritoria quinta praza que acadaran na pasada edición Rubén Táboas e Nathan Matos.

A competición arrincará mañá venres para os nosos equipos, que xogarán en Las Palmas co obxectivo de seguir mellorando as marcas e a actuación da nosa autonomía nos nacionais.





Publicacións populares deste blog

CIRCUITO BARBANZA VOLEY PLAYA

Salvador Pastor nuevo jugador del COVP