CRÓNICA V TORNEO DE MARÍN


Os deportistas reunidos en Marín derramaron ata a derradeira pinga de súor para obter o ansiado trofeo que os declarase vencedores da terceira proba do Circuito Galego de Volei Praia. Finalmente foron as parellas formadas por Ángel Losada e David Guiñazu no apartado masculino e Federica Farabegoli e Marta González no feminino, as que o conseguiron.
Logo dunha longa fase previa disputada o sábado – 26 parellas se inscribiron no torneo masculino e 23 no feminino – e un intenso cadro final con encontros de gran calidade, na tarde do domingo as parellas máis fortes chegaron ás eliminatorias que decidiron os podios do V Trofeo Concello de Marín de Volei Praia.

No torneo masculino os cabezas de serie cumpriron coa súa condición de favoritos, e tras superar todos os seus encontros en rondas anteriores chegaron por cadro de gañadores ás eliminatorias onde tamén venceron sen demasiadas complicacións aos seus rivais de semis, Rubén Sixto e Marcos Blanco do CM Ferrol.
Na final agardábanlles Pablo Penedo e Iván Sienes, Do Club Vigo Voleibol, que venceran a outra das parellas favoritas do torneo, Carlos Galego e Diego Pérez, do Volei Praia Vigo nun axustado choque pechado en dous sets.
O pulso polo trofeo comezou moi igualado pero na recta final Losada e Guiñazu botaban man da veteranía para pechar o set pola mínima 21 a 19.
O podio completouno o equipo do Club Volei Praia Vigo formado por Carlos Galego e Diego Pérez, que superaron a Sixto/Blanco na consolación por 2 a 0.

En canto ao apartado feminino, Federica Farabegoli e Marta González, do Volei Praia Vigo subían por primeira vez como parella ao máis alto dun podio do Circuito Galego De Volei Praia tras realizar un gran campionato nas roldas previas e superar a unha parella clásica nos podios de verán, Sheyla Arias e Rocío Durán nas semifinais 2-0.
Na final atoparíanse coas súas compañeiras de equipo Lorena Cruz e Tea Andric que non lle puxeron as cousas nada fáciles á parella formada pola italiana e a coruñesa. 
O terceiro posto foi para Causin/Vázquez, do Volei Praia Lugo, tras superar a Arias/Durán en dous sets.

O vindeiro fin de semana continúa a emoción do Circuito Galego de Volei Praia Senior, nesta ocasión en A Guarda, na praia de Camposancos.

Publicacións populares deste blog

CIRCUITO BARBANZA VOLEY PLAYA

Salvador Pastor nuevo jugador del COVP